No día de onte, aquí en Agolada, levámonos unha agradable ou non tan agradable sorpresa( segundo gustos ) ó erguernos: sobre os tellados descansaba unha pequena capa de branca neve que caera durante a noite debido ó temporal que durante estos días está “a mollar e a branquear´´ a nosa comunidade. O certo é que a nevada non foi gran cousa, simplemente cubriu os tellados das casas e os cristais dos coches pero foi o suficientemente notable para que os que quixemos saísemos a vela e lembrarnos que en Agolada tamén pode nevar.
A vila d´Agolada atópase a 581 metros de altitude polo que as nevadas non adoitan ser frecuentes e cada ano prodúcense menos debido ó efecto do cambio climático, ata o punto de que este ano aínda non viramos a neve e o noso monte máis próximo, o Farelo permaneceu todo o inverno verde, sen neve, algo que non hai tantos anos era case impensable.
Xa pasara tempo dende a última nevada notable que caeu nesta vila, en concreto, uns dous anos. Tamén resulta un pouco irónico que xusto fose nevar agora que comezou a primavera cando durante todo o inverno o tempo mantívose relativamente estable con temperaturas nin moi baixas nin moi elevadas.
As fotos son da nevada de hai dous anos e os seus efectos sobre os Pendellos e as rúas da vila.

Anuncios