23 de xuño, hoxe é o San Xoán, unha das numerosas festas que se celebran aquí, en Agolada, aínda que neste caso, a esta festa celebrarase tamén en outras aldeas como Val, pero xa vos contarei despois.

Pois ben, como todos os anos por estas datas, celebramos o San Xoán cunha sardiñada nos Pendellos, música, xente, sardiñas, viño… toda unha festa, tal vez unha das máis concorridas das que celebramos nesta vila. Sen ningunha dúbida, toda unha oportunidade para desfrutar e pasalo ben todos xuntos.

Pero como ben dixen antes, esta festa celébrase en Val, onde o acto de semellantes características ó d´Agolada foi organizado pola Asociación Lucerna, e digo foi, porque nesta pequena aldea, a sardiñada levouse a cabo o sábado 21 posto que como a maioría dos pertercentes a esta asociación viven fóra, asistir a unha festa un luns resultaríalles imposible, algo que tamén debería ter tido en conta o Concello d´Agolada xa que aquí a xente tamén traballa, pero en fin, aquí ninguén pensa nunca nada. Pois o dito, semella que o San Xoán goza de gran éxito neste concello, agárdovos esta noite nos Pendellos.

A foto é do San Xoán deste ano, na próxima entrada contareivos como foi todo.